Blogia
María Mariño

María Mariño

PERFIL BIOGRÁFICO

   O nome e a obra de María Mariño, aínda que coñecidos dende hai tempo nos círculos culturais, víronse sempre envoltos nun halo de misterio e ambigüidade que dificultou a difusión da súa poesía e o coñecemento do público en xeral. A publicación dun único libro en vida, a pouca relación que mantivo cos escritores da época –con excepción de Novoneyra-, e o illamento xeográfico no que viviu son algúns dos factores que contribuíron a que nos atopemos, aínda hoxe, perante unha figura literaria que debemos descubrir.

  María Mariño Carou nace na vila de Noia o 8 de xuño do ano 1907. Os seus pais foron Xosé Mª Mariño Pais e Filomena Carou Lado, naturais tamén da bisbarra noiesa. A familia era de condición social humilde: o pai foi zapateiro e a nai traballou como xastra, a máis de ocuparse dos labores da casa. María foi a segunda dos cinco fillos do matrimonio: Emilio, María, Cándido, Asunción e Concha. Os irmáns traballaron como mecánicos, Asunción foi ribeteadora, e Concha casou moi nova e marchou para o País Vasco. María asistiu poucos anos á escola, e dende moi nova tivo que dedicarse a coser polas casas dos veciños, polo que algúns lémbrana como María “a costureira”. Segundo as persoas que a coñeceron na súa mocidade, era unha muller sensible, reservada e solitaria que transmitía unha impresión de harmonía espiritual. Tamén mencionan a súa gran beleza física e unha innata elegancia. Así e todo, a futura poeta non era unha persoa corrente e non encaixaba no molde da muller tradicional do seu tempo. Era vista como “rara” e “diferente” porque lle gustaba pasear soa pola ribeira do mar, extasiarse diante da contemplación da paisaxe, intentando, quizais, comprender a mensaxe última da Terra. A causa das dificultades económicas, e pouco tempo antes de declararse a Guerra Civil, trasladouse toda a familia a Boiro, á casa dunha tía que traballaba de cociñeira no Pazo de Goiáns. O pazo tiña unha boa biblioteca, na que María vai pasar moitas horas: dese xeito tomará contacto coa literatura escrita e poderá enriquecer así a súa formación e sensibilidade.A nosa autora vive logo parte da guerra en Algorta (Biscaia), na casa da súa irmá Concha. A traxedia da Guerra Civil inspirará, anos despois, o seu único relato en castelán, titulado “Los años pobres –Memoria de guerra y posguerra-“, que non chegou a publicarse.

   Pouco antes da final da confrontación, a poeta volve cos pais a Boiro. Coñece entón ao que ía ser o seu home, Roberto Posse Carballido, natural de Santiago e mestre de profesión, con quen casa o 31 de marzo de 1939 na parroquia de Lampón, do municipio de Boiro. Roberto tiña vintecatro anos e ela trinta e dous. Esta diferencia podería explicar o feito de que María ocultase a súa verdadeira idade, mesmo a Novoneyra, quen transmitiu unha data de nacemento equívoca, o 25 de xullo de 1918, data que figura en moitas recensións biográficas. Non foi ata 1982, con motivo da homenaxe que a Asociación dos Escritores en Lengua Galega lle dedica á escritora, que un grupo de xoves da Asociación Cultural Catavento de Noia verificou nos libros parroquiais e no rexistro civil a data exacta de nacemento. Recén casados marcha o matrimonio ao País Vasco, instalándose en Elanxobe, preto de Guernica, onde Roberto Posse exerce o maxisterio. Teñen un fillo, que morre ó mes e medio de nacer.

   Á metade dos anos corenta deciden voltar de novo para Galicia. Roberto pide o traslado e danlle destino primeiro en Arzúa e logo en Romeor do Courel. Nesa época María perde á nai, a quen se sentía moi unida. Ese pasamento, o dos irmáns –ocorrido poucos anos antes- e, seguramente a traxedia non superada da morte do seu único fillo, levan a María a unha forte depresión nerviosa. Xosé  Baltar, médico da zona e amigo do matrimonio, recoméndalles a escola de Parada do Courel, onde poden sentirse menos illados. No 1947 trasládanse a Parada , aldea na que vivirán ata a morte da poeta. María e Roberto intiman coa familia de Novoneyra, e posiblemente coñecen daquela ao xove Uxío, aínda que a relación de amizade persoal co poeta non comeza ata 1953, cando este volve do servicio militar e permanece na casa paterna para recuperarse dunha enfermidade alá contraída. Nesta situación, Novoneyra inicia a súa obra –Os eidos, (1955)- e é posible que María escoitase recitar os poemas nas longas noites courelás. A inquedanza espiritual dunha muller sensible, que chegara xa á madurez persoal, atopa finalmente un camiño de expresión na creación poética. Polo 1957 comenza a escribir, primeiro en castelán e un ano despois en galego. En 1963, gracias á xestión de Novoneyra, a editorial Celta de Lugo edita Palabra no Tempo, primeiro e único libro publicado en vida da autora. Ramón Otero Pedrayo, a quen María non chegará a coñecer persoalmente, pero co que mantivo unha relación epistolar, escribiu un fermoso prólogo para o poemario no que salientara a novidade e a profundidade da palabra lírica da escritora novel.

   María continuou coa súa vida sinxela e illada nas montañas do Courel, case sen contacto do mundo literario. En efecto, foron poucas as persoas vinculadas á cultura galega que a poeta chegou a coñecer, e a miúdo o contacto estableceuse a través de Novoneyra. Entre os que a trataron encóntranse Manuel María, Ramón Piñeiro, Domingo García Sabell, Sixto Seco, Augusto Assía e Victoria Armesto, con ocasión dunha visita ao poeta do Courel.(...)Por diversas causas, os poemas de Verba que comenza permaneceron inéditos durante moitos anos. Así e todo eran coñecidos no ámbito literario gracias ó labor de Novoneyra, quen os ten recitado en moitas ocasións e facilitado fotocopias ás persoas interesadas por eles. Co paso do tempo, a personalidade de María Mariño trocouse nunha figura mítica que levou a certa crítica mesmo a dubidar da existencia real da escritora.

En 1990 o Concello de Noia patrocina unha edición homenaxe de Verba que comenza. Imprímense 27 poemas do libro; no mesmo ano, na revista A Trabe de ouro, Novoneyra publica catro poemas inéditos que pertencen ao conxunto de Verba que comeza, pero que por razóns de economía editorial non foran incluídos no libro Homenaxe.

María Mariño descansa no camposanto de Romeor do Courel, acubillada polos cumes da serra, testemuñas silenciosas da súa madureza persoal e literaria.

María Mariño: Obra completa. Edicións Xerais (1994)